Thursday 25 de April de 2024

A Xunta promoverá os produtos galegos de calidade do agro e do mar no Salón Internacional Gourmets de Madrid


A conselleira do Medio Rural asistirá ao acto de inauguración para visitar e apoiar ás 32 empresas galegas participantes nesta feira, considerada o evento máis importante de Europa de alimentos e bebidas de alta gama

A Xunta promoverá os produtos galegos de calidade na XXX edición do Salón Internacional de Gourmets, que se celebrará entre os días 4 e 7 deste mes no recinto feiral Juan Carlos I, IFEMA, de Madrid. As Consellerías do Medio Rural e do Mar serán as encargadas de potenciar e dar a coñecer a calidade dos produtos do agro, da pesca e da acuicultura de Galicia nesta feira, considerada o evento máis importante de Europa de alimentos e bebidas de alta gama.

A titular do Medio Rural, Ángeles Vázquez, e o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Juan Maneiro, asistirán ao acto de inauguración para visitar e apoiar ás 32 empresas galegas asistentes (dos ámbitos da produción agroalimentaria e da pesca), así coma os Consellos Reguladores de produtos con selo de calidade.

A Xunta estará en Gourmets cun pavillón mixto de 522 metros cadrados, onde haberá 12 empresas coexpositoras do sector agroalimentario con produtos lácteos, cárnicos, ecolóxicos, viños e outros como a torta de Santiago ou croquetas de calidade. Tamén estarán presentes outras 20 empresas coexpositoras do sector pertencentes ás áreas da pesca, acuicultura, conxelado, comercialización e conserva. O stand da Xunta tamén contará cunha área destinada a centro de negocios, na que as empresas poderán manter encontros para ampliar o seu mercado.

Catas e degustacións
Ao longo destes tres días hai programadas diversas degustacións de produtos, destacando a exhibición gastronómica do martes 5 de abril “Galicia: 31 Experiencias de Calidade” e a realización de diversos talleres da campaña “O sabor da aventura está no mar”, no que 800 nenos e nenas de varios centros escolares realizarán actividades didácticas e prácticas, co fin de aumentar o seu coñecemento do peixe e os seus valores nutritivos dunha forma amena, sinxela e formativa e potenciar así o hábito de consumir produtos do mar.